a nosa delegación
presentación
onde estamos
xunta directiva
comisións
secretaría  
actas das xuntas
circulares
buzón
preg. frecuentes
ferrol
guía de ferrol
enlaces
galería
novas
proxectos
1.- A postal de Chamorro

Os luns de Pascua moitos ferroláns teñen o costume de ascender á ermida de Chamorro. Dende aquel alto hai unha panorámica fermosa da ría e da comarca de Ferrolterra. Un pódese entreter en ir distinguindo barrios, lugares, terras de labor, bosquiños e novísimos edificios que ateigan a suave paisaxe. Asoman os guindastres do peirao e divisamos a soberbia grúa pórtico de Astano, empequenecida na distancia, e que sen embargo por baixo dela podería pasar enteira a catedral de Santiago. Escoitamos os ruídos da industria, das descargas do peirao, o rumor xordo do trafego, que semella un abelloar laborioso. Isto lémbranos que estamos diante dunha comarca industrial e activa, un contraste xa no imaxinario cultural de Galicia. O alto de Chamorro é un dos balcóns privilexiados. A romaría que se celebra alí afonda tamén nas raíces antigas do que somos. Dende hai anos tense convertido nunha cita da mocidade que busca na subida un comezo da primavera dos excesos. Pero desde arriba –élle ben curioso– non vemos o centro da cidade de Ferrol. Vemos si unha inmensa extensión ateigada hoxe de naves industriais, torres e edificios, sen orde nin concerto, que o van invadindo todo inmisericordes. O centro histórico, o barrio da Magdalena, aquel que leva o título de cidade ilustrada e racionalista, queda agochado tralo coto de Canido. Dende arriba todo semella como se non houbese tal cidade, o cal non deixa de ser significativo. E abaixo, cando un está metido nas rúas rectas, todo é como se ignorásemos o mundo exterior. Esta cidade, orgullosa de si mesma, ten vivido de costas ao mundo rural que a rodea, aínda que se alimentaba del e del lle viñan a meirande parte dos seus traballadores. Pero as cidades, non só Ferrol, teñen tentacións deste tipo, de fondo clasismo, que son como perigosos buratos de esquecemento nada inocentes. Para esta realidade de separación campo/cidade, aquí se inventaron frases, que afortunadamente hoxe en día son de escaso uso: “Fóra de portas”,“Os da outra banda”... Vostedes sábenme entender.
A cidade vivía amurada, ríxida e firme nas súas estruturas sociais, aparentemente autosuficiente nas súas rúas racionalistas, onde os comercios lucían novidades cosmopolitas. A xente gozaba de economato e fachendeaba cos uniformes, modas e elegancias con estilo, ás veces máis aló dos seus posibles. Semellaba que nada podía rillar nos seus alicerces de cidade estatal. Cousas que quedaron moi ben recollidas en dúas agudas e expresivas novelas: “La boda de Chon Recalde”, de Torrente Ballester e “Conacho” de Guillermo Ferrández. Tamén é moi útil e amena unha guía orixinal de Ferrol, por Guillermo Llorca: “Referencias periodísticas, históricas e literarias sobre a cidade de Ferrol”. (Edición Concello de Ferrol, 1995).
Por todo isto, subir a Chamorro, ademais de cumprir cunha devoción á Virxe, que nunca estorba, e mais co misterio do culto ás grandes rochas de granito, é unha lección de realismo. A comarca dende alí arriba aparece como un todo unitario. A ría é o seu eixo natural. Os coutos e pereiros cos seus barrios, parroquias, lugares –aínda que pertencendo a diversos concellos– forman unha unidade continua sen raias nin fronteiras. Ferrol ten que aprender que as frases “fóra de portas” e “os da outra banda” son unha inutilidade e mais unha presunción social. Esta paisaxe ondulante tamén nos fala de que hoxe a situación non está tan clara como o era hai uns anos. Un fluído agochado e coloide parece buscar novas definicións e liderazgos indiscutibles, ou non os quere buscar, vaia vostede a saber.
E por falar de algo popular e tenro, porque a visión é plácida e as cousas dende lonxe todas parecen boas e bonitiñas, aquel día de subida a Chamorro, había unha parella de recén casados facéndose as fotografías de ritual. É costume para este tipo de fotografías de voda buscar xardíns de pazo, tamén vale o castelo de San Felipe. Pero nada máis simbólico que este lugar para expresar que a parella de noivos pertence por enteiro ao lugar, que é de aquí, e que os mozos queren botar raíces no sitio dende onde se ve a súa terriña.

2.- A postal dos Xardíns de Herrera

A segunda postal que propoño é a Vista da ría desde os xardíns de Herrera: trátase dunha visita obrigada. Os turistas da terceira idade que se achegan á nosa cidade queren ver o mar. O mar interior da ría e o mar de fóra dos grandes areais. Sorpréndense que a capital da mar, como rezan os carteis de publicidade, non teña fáciles vistas que dean ao mar. Dende este balcón dos xardíns de Herrera, tan primorosos e tan coquetos, e por riba das copas das árbores da alameda do mercado, contemplamos todo o Arsenal aos nosos pés. Como unha visión de dominio. Xa sabemos que isto é unha ilusión, pero deixemos á xente ter estas ilusións inocentes. Vemos os grandes buques que son razón e sentido da cidade, e no fondo, case os podemos tocar coa man e dan medo, érguense uns tanques inmensos. Uns depósitos do tamaño do panteón de Roma. Hai un guía posto polo concello que é moi prudente. Sen prodigarse en comentarios, dinos que se trata dunha Planta de gas. E prodúcese un elocuente silencio. Pero a vista volve recrearse no espazo que temos máis preto. As árbores do que foi unha fermosa alameda, disque a primeira alameda pública de Galicia, hoxe convertida en aparcadoiro, teñen a copa recortada para favorecer a contemplación. Esas árbores, agochan algo, unha inmensa e recta tapia de grandes dimensións. Tapia encalada que separa o Arsenal e mais o Estaleiro, lugares de traballo, da propia cidade. Non se entende ben esta separación do que debía estar unido dun xeito fluído e natural. Dende arriba temos a tentación de soñar que tal tapia non existe. Pero lamentablemente existe e con tal forza e dimensión que recibe o nome pomposo de “muralla”. Pero nas postais, como esta que teño comprado, cóidase moito de que a tapia en cuestión non saia, xa digo, como se non existise. Como muralla é unha auténtica birria, pero como tapia élle unha señora tapia. Podemos dicila architapia. E postos a perverter a linguaxe, os ferroláns, mestres en eufemismos, non só falan de muralla, en singular, como se fose de igual categoría que as de Lugo, en plural, senón que tamén gozan dunha divertida e curiosa dislocación das palabras dentro e fóra. Chaman dentro ao que está detrás da tapia, na beira mar: Arsenal e mais estaleiros. Chaman afóra ou fóra á parte de acó, a parte da propia cidade. Os turistas que queiran comprender Ferrol han de informarse ben destes detalles e han de estar atentos a tales precisións, para o que tamén lles teño unha novela de gran forza expresiva que mete o bisturí nestas vísceras íntimas das clases sociais: Cito a novela de Guillermo Ferrández: “Conacho”: “El hombre se dio cuenta por primera vez, que en aquella ciudad había un adentro y un afuera separados por una muralla. Eran un adentro y un afuera no visibles, pero mucho más reales que la propia muralla de piedra... se dio cuenta que la auténtica ciudad estaba dentro, al otro lado de la muralla, oculta y agazapada, esperando el momento de dar el zarpazo. El poder se ocultaba detrás del murallón...” (1ª Edición. Páx. 26. (Editorial Embora. Ferrol, 2001)
Cando os nosos turistas quiten as fotografías dende o balcón dos xardíns de Herrera, deberán buscar ángulos e enfoques coidadosos para que non lles saia a inmensa e abafante tapia-muralla encalada.

3.- A postal da Praza de Amboaxe

As historias da Ilustración e mais as novelas que veño de citar e outras obras de literatura animan a uns amigos de Vigo e de Coruña que nunca lles deu por viaxar a Ferrol. Ás veces pregúntome se coñecemos como é Galicia, e se queremos coñecela ou preferimos ir indo cos tópicos acomodados. Envíolles a estes amigos, para ver que se pode facer, unha terceira postal: a da Praza de Amboaxe coa estatua do Marqués. Máis que nada, para que vexan que aquí a industria tamén convive con prazas lindas e coquetas. A Praza de Amboaxe e mais a Praza de Armas eran iguais, simétricas, como xemelgas, naquela cidade ilustrada. É o que lles quero explicar no cativo espazo que me deixa a postal. Téñolles que contar por carta aos meus amigos, xa que logo están dispostos por fin a anchear o seu concepto de Galicia, a curiosa historia do noso marqués de Amboaxe, porque é moi expresiva dos curiosos paradoxos de Ferrol. Este señor fixo moitos cartos en Cuba. O dos cartos é autenticamente certo. Malas linguas din que o negocio de escravos foi a orixe do capital do noso indiano e que despois santificou algo os diñeiros co marquesado que comprou en Roma, na corte do Señor Papa, xa que ao parecer, non lle daba arrincado á monarquía española ningún título aristocrático. Xa se sabe que a aristocracia deste país sempre tivo moitos miramentos e ínfulas nestas cousas dos merecementos e limpeza de sangue e por outra, que había quen lle poñía a proa. Pero seguramente todo isto é dubidoso e está medio en brétemas como tantas historias da nosa terra, ou mesmo sexan infundios e calumnias difundidos con moi mala intención. Algúns din que os inventaron dentro da Armada, polo que o Marqués lles fixo aos do naval. E foi que instituíu unha fundación para pagarlles aos mozos nados en Coruña e en Ferrol mil cincocentas pesetas, que xa eran cartos naquel tempo. Con estas mil cincocentas pesetas podían comprar a licencia para librarse da mili, que era o mesmo que dicir “comprar o de non ir á guerra de Cuba”. O detalle por unha banda era como unha labazada ao patriotismo e ao espírito militar. Pero pola outra, que queren que lles diga... Neste país parece que o patriotismo dos ricos valía mil cincocentas pesetas. Velaí que agora temos que as festas de Ferrol, cos fogos de Amboaxe, en agradecemento ao xesto do Marqués, son un chisco, por así dicir, laicas e antiservizo militar. Despois veu un ferrolán, chamado Canalejas, que quitou por decreto a inxusta e vergoñenta cota do servizo militar, e toda esta historia se foi esquecendo, quedando a estatua e as festas como únicos recordos.
Hoxe a praza é un recanto elegante, con palmeiras airosas, unha inmensa araucaria e cedros de Líbano descabezados, que nos lembra, como mentei, que a outra praza, a de Armas, era a súa xemelga e simétrica. Pero un día tiveron a ocorrencia de erguer no medio desta última un maxestático edificio de tipo clásico, moi presuntuoso, como eran por norma os edificios do réxime franquista. Hai moitos ferroláns encantados co estilo de pacotilla deste edificio que é nada menos que o propio pazo do Concello. O edificio do goberno municipal (de seu é quen debe vixiar e velar polo cumprimento das normas urbanísticas e mais o mantemento do patrimonio público) dá, deste xeito solemne, un exemplo significativo do que é o feísmo e a desfeita construtiva e o abuso sobre os espazos públicos. A praza quedou completada, en aras do progreso, cun aparcadoiro que pide a berros a súa desaparición ou o seu arranxo. Eu que estou disposto a comprender de todo, gárdome moito de compartir certos gustos. A postal da praza de Armas, coa casa do Concello, tamén se vende (a postal non o concello) pero eu non a penso mercar, aínda que si teño mercado unha fotografía histórica da vella praza de armas, do que foi noutro tempo, co obelisco a Churruca no centro dela.

4.- A postal dos Cantóns de Molíns

A cuarta postal é a dos Cantóns de Molíns, co edificio clásico do que hoxe é Fundación Cultural de Caixa Galicia e o Palco da música. O espazo está bastante desfigurado do que no seu día tivo intención de ser. Queda aínda unha boa masa arbórea da grande Alameda da Ilustración. Exemplo de xardín público. É o decano dos nosos xardíns públicos, do que estamos orgullosos. Pero témolo moi empequenecido, porque ao longo do tempo foron botando man nel, pegándolle trabadas para erguer edificios: o edificio de Correos, o teatro Jofre, o Mercado municipal e... a penúltima trabada foi a de furar un aparcadoiro que corre o risco evidente de inundacións (Deus e mais S. Xulián non o queiran). Aínda así élle toda unha señora alameda, da que destaco o paseo de magnolios e tileiros, espléndidos na súa sombra e arrecendos tonificantes. As discusións políticas deberíanse facer baixo estas árbores, disque propiciadoras, maiormente os tileiros, de acougos e sentidiño.
5.- A postal do Campus Universitario

A quinta e de momento derradeira postal é a do Campus Universitario, porque Ferrol é dende hai algúns anos cidade con Universidade. “O Campus” herdou o magnífico espazo do que foi Hospital Naval. O Hospital Naval foi no seu tempo pioneiro da medicina científica e hoxe no seu sitio segue a facerse ciencia. A práctica do estudo, o uso do pensamento lóxico, invitan á racionalidade e pódennos devolver, se estivésemos listos, o espírito da actitude cultural ilustrada. O “Campus” conserva edificios singulares, primorosamente restaurados, e tamén un xardín magnífico, porque aqueles hospitais ilustrados cultivaban a botánica por razóns médicas e hixiénicas. Alí, no medio das árbores están os bustos de escritores e profesores de Universidade: Torrente Ballester e Rubia Barcia. Queda abondo sitio para os moitos e bos científicos que nos seguen mellorado a vida co seu labor e coñecementos. Tamén o Hospital, hoxe universidade, gozaba de tapia que o separaba e o encerraba en si mesmo. Esta cidade é dada, polo que podemos apreciar, ás tapias. Pero hoxe en día o cerrume metálico que limita o seu espazo deixa ver o seu interior. As súas portas están abertas e os seus gratificantes xardíns son paseo público. Un exemplo de permeabilidade diáfana e democrática.
Terán notado os lectores que en varias ocasións citei a Ilustración como a época e o estilo que mellor define a esta cidade. Élle así, porque Ferrol é, como poucas, a cidade da Ilustración do século XVIII, e polo tanto unha cidade noviña, feita racionalmente e polo estado. Isto tenlle marcado a súa personalidade; aínda que, mirando as cousas máis polo miúdo, vemos con agrado que tamén outras épocas deixaron potentes pegadas. Esta guía de arquitectura, que segue ás miñas palabras, axudaralles a entender Ferrolterra.
Quédalles logo aos lectores un tempo de lecer para pasear e curiosear no libriño o moito que agocha esta cidade e comarca. El vailles descubrir que Galicia é ancha e fonda e tamén posúe o seu norte. Viaxar por estas terras, se é que queremos ver, será sempre un boa medicina contra tópicos e preguizas culturais.
postais de ferrol
[ - info ]